Todo comezou como estaba previsto, a iso das dez da mañá. Na mesa Chelo Martínez daba inicio ás nada menos que sesenta e sete "palabras perdidas", termo que provocou os sorrisos en máis dun rostro. Logo do pequeno pero perdoable erro da compañeira e coa mesma cordialidade que dominou toda a xornada os "apalabrados" centraron a atención do público, impaciente por ver se seguiriamos coa liña de discusión das anteriores veces ou se, pola contra, os pasos dados nestes meses a correr deran os seus froitos na busca dun maior consenso.
Felizmente para todos a situación foi a segunda, alusión a esta situación que acabo de mencionar fixo o
compañeiro López Besteiro que durante a súa intervención fixo un interesante xogo de palabras entres as palabras "deliberante" e "delirante". Co primeiro termo calificou esta Asemblea, e co segundo a anteriormente realizada.
Os temas centrais que se levaron ó atril foron as seguintes:
-A situación na que quedan as asembleas locais e comarcais: As palabras pedían que estas se visen reforzadas, que a base sexa o "núcleo duro" desta formación. Neste sentido case todas as palabras se podían aglutinar nunha soa ó ser moitas delas "calcos". A vontade pois dos intervintes -en case tódolos casos militantes debido ó coñecemento que amosaron ter do funcionamento interno da organización- foi a de defender a continuidade dun modelo de traballo no que "pusuímos voz e voto na Asmeblea Nacional".
-O sistema de votación que se vai a impor na organización foi a maior das diverxencias entre todos os que falaron. Por citar algúns exemplos Martiño Noriega -representando a opinión de AnovaTeo- posicionouse a prol das listaxes abertas, pero tamén houbo varias palabras a favor dun sistema proporcional e algúns menos en apoio ás listaxes pechadas.
Menos citados pero non menos importantes, e xa en certo modo non centrados na organización interna senón nos obxectivos e defensa que fai a Irmandade, tamén se falou doutros temas:
-O uso do software libre e das redes sociais nas que en Anova somos pioneiros -como demostro cando escribo estas mesmas liñas- potenciando o uso de ferramentas como os blogs, o twitter ou o facebook para a crítica e o debate e botando man do Outlook ou do Google Docs para traballar en conxunto dende as asembleas locais por exemplo á hora de realizar notas de prensa ou instancias.
-O medioambiente, moi presente en moitas das palabras que amosaron o seu apoio e a mágoa que sentían por non poder estar a defender a Serra do Galiñeiro na que hoxe tamén se realizaba unha andanza pola súa protección.Entre outros, citáronse os problemas do fracking ou a deforestación que este goberno impulsa coa súa permisividade e falsa pasividade ou neutralidade.
-Opinión de apoio tamén ós "preferentistas" retomando esa idea de nacionalizar os bancos (que xa todos coñecemos e dos que non farei aquí publicidade) "sen pagar un can ós seus accionistas".
-O compromiso, no sentido de que non debemos esixir fóra de Anova cousa ou explicacións que en Anova non facemos, así como tampouco podemos condenar accións que sucenden dentro nosa.
-A defensa da cultura estivo tamén presente como tiña que ser nunha organización de corte nacionalista e galeguista, e coido que moi ben encarnada na reflexión do compañeiro Xoan Rafael Vilas na que a entendía como "vital" e "clave" para o desenvolvemento xa non da Anova senón de Galiza.
-A defensa da soberanía, que destacarei logo debido á súa maior presenza no turno de tarde.
-A dobre militancia, que inqueda a máis de un e nos remite a outras organizacións nas que a existencia de "infraorganizacións" leva á unha dependencia das mesmas de toda a organización, polo que houbo unha serie de palabras en torno a este tema no que tamén existe división. A pesares disto, atreveríame a dicir polo tono, as persoas e o que puiden ver, que hai unha certa inclinación a rematar coa dobre militancia e establecer tal e como agora mesmo reflicten os proxectos dos estatutos a militancia única no partido que leva o nome de Anova.
-O feminisimo , que decidín encarnar na palabra da compañeira Concha Trigo, aínda que foron máis as voces (de mulleres e homes) que a este respecto se pronunciaron. Definiu a sociedade como un patriarcado e esixe paridade dentro da organización e fóra dela. Quédome coa súa frase: "A pobreza ten nome feminino!!!"
As opinións foron varias, como corresponde a unha organización extremandamente nova como é Anova (valla a redundancia), pero todas as declaracións remataban cunha frase que pretendía apelar ó consenso, á busca dun punto medio, a sumar, porque todos temos preferencias e diverxencias, todos, para o ben desta organización somos distintos, pensamos distinto e podemos aportar cousas, pero pretendemos ser un, formar un núcleo único con forza.
Incorporo a continuación varias citas que puiden recoller de dúas figuras relevantes dentro do partido e similares a moitas que ó longo do día se produxeron e cun ton conciliador que dominou -como xa dixen antes- a xornada de hoxe:
-Martiño Noriega: "AGE é o punto de partida, e teñamos unha cousa clara: A suma multiplica e a resta divide". "Temos que funcionar de abaixo a arriba (...) como unha irmandade o cos liderazgos compartidos".
-Antón Sánchez: "Son outro chachiguai a favor das listas abertas" ("Chachiguai" citando a aportación doutro compañeiro que se autodenominou así por defender as susoditas listas e do que lamento non poder aportar o nome).
Destacar tamén a presenza de Xosé Manuel Beiras dende a mañá, aínda que cun pouco de retraso xa que como el mesmo dixo "Atópome moi canso ultimamente e o de madrugar faise complicado" aínda que coido que todos os presentes o desculpamos de moi bo grado.
Pero a súa presenza estaba garantida xa polas propias palabras que rara era a que non agradecía, apoiaba ou "aloumiñaba" ó parlamentario. Quizais o momento máis emotivo de toda a xornada -xunto co remate tan emotivo que se deu da Asemblea que comentarei ó seu debido tempo- foi cando o irmán Francisco Sobral pronuncio as seguintes verbas en referencia ó "profesor": "Grazas por teres sido o meu moi estimado profesor e mestre, insuflándomea identidade desta terra nas vellas aulas de Fonseca". E tamén: "Tras 37 anos, escoito e atendo a túa voz e chamada a este encontro fronte á crise total en que vivimos, e desexo colaborar contigo, e por extensión con toda a militancia e cidadanía, na procura de solución á mesma".
Para ires rematando coa longa xornada matinal (durou o dobre que a da tarde) falar das dúas palabras que membros da Asemblea Comarcal do Salnés ( de O Grove e Ribadumia) levaron:
-Ricardo Garrido (O Grove): Sinalou a importancia do fortalecemento local reforzando a asembleas locais, comarcais e incluso parroquiais se é posible. Entende ademais que os representantes comarcais "deben ir con voz pero sen voto para non restar así forza ó asamblearismo". Engadir tamén que apremiou a continuar coa actual organización de Mocidade Anova.
-Ramón Mouriño (Ribadumia): Incideu na situación de calma e consenso que se estaba a vivir alí e felicitouse por iso mesmo e por todo o logrado nun período de tempo tan breve. Recalcou que "No Salnés non agardamos por Beiras para actuar " como unha clara alusión á labor das bases. Discrepou en canto ás "Múltiples autolimitacións que nos impoñemos" e pechou a súa intervención coa seguinte frase: "Non é o mesmo ser soñadores que pensan que pensadores que soñan" no sentido de que buscamos conseguir un día a liberación da nosa patria (como no seu día intentou o creador da cita que segundo me dixo o propio Ramón leu nun libro de Ernesto Che Guevara).
Poñer quizais agora unha pequena nota de humor (que presidiu todo o día) con algunhas declaracións:
O Compañeiro Héctor Tejón por exemplo: "Pido desculpas por ser un nazi igual que moitos dos compañeiros que estamos hoxe aquí, deberiamos arrepentirnos...".
E para pechar a sesión de mañá traer a colación a reflexión do compañeiro García (xa sei que hai moitos pero de novo a miña incompetencia impediu que oíse o nome polo que pido desculpas): "Anova é unha moza, que xa temos que deixar voar, e igual embaraza, pero sempre quedas as pilulas do día despois, non? Ademais seguro que nos trae moitas alegrías, a primeira foi o netiño AGE".
Tras unha comida agradable e debate e charla entre nós chegaron as catro da tarde e con ela a segunda queda de palabras que comezaron polas ausentes durante a mañá e seguiron logo co seu ritmo normal, que cumpriu os tempos e permitiu unha "intervención sorpresa" de Xosé Manuel Beiras na que defendeu o proxecto da fronte ampla e de AGE coa efusividade e forza que o caracterizan.
Evitáronse os temas xa tratados á mañá so con breves alusiónse despuntou o tema da soberanía que espertou máis dunha vez gritos de "Galiza ceibe" fortemente corexados e aplaudidos.
Pola brevidade desta quenda remitireime agora a reflectir algunhas das palabras que considerei relevantes:
-Pepe Arias: " O cambio no ton é moi positivo e fai máis constructiva e posible esta asemblea" e "Temos que tentar facer unha Fronte Ampla, da que eu recoñezo que votei en contra, porque de facelo xa teriamos botado a Feijoo".
-Raúl Asegurado: "É imposible construir Anova senón aceptamos algúns dos principios organizativos báscos".
-Pilar Barros: "Non sigo a Beiras, sigo as ideas de Beiras" nunha clara referencia ó que algúns dos militantes entre os que me inclúo intentamos superar, iso que eu alcumarei "beirasdependecia" dende a que moitos nos atacan.
-César Caramés: "As contradicións organizativas sempre van a estar aí", "Non sexamos coma eses "demócratas" que se basean na súa Constitución para non negociar nada" e con respecto ás listaxes: " A UPG elixe con listaxes abertas, o BNG con pechadas e Paco Rodríguez segue a mandar nas dúas..." "Eu aposto por ter forza nas bases e mandar a subdelegados".
-Guadalupe Ces: Nunha intervención moi efusiva e cargada de forza incidiu na cultura política que coa nosa formación se crea á que a sociedade non lle dá as costas. "Levantamos o ánimo das persoas nas eleccións".
-Daniel Conde: "A dupla militancia non ten porqué preocuparnos, os membros dos grupos iranse incorporando eles son polo seu peso".
-Alfonso Diz: "Escribín unhas notas e espero que non me pase coma ó gilip*llas de Rajoy que non entende nin a súa letra" e logo relatounos a boa andaina de AnovaOurense mediante as listaxes abertas e con correción de xénero. " Se en Ourense funcionou, por que non ha de funcionar en Anova?"
-Rafael Dopico: "Anova como ferramenta e non como fin". "Temos que recuperar as pontesr entre a esquerda social e política" e " Os métodos electorais dependerán da forza que vaia a ter cada órgano, o que temos que conseguir é ter nós empre voz e voto".
Interesante foi tamén a intervención dun home que se presentou a sí mesmo como socialista e fóra de Anova e nos eloxiou pola política que facemos e nos dixo que moitos socialistas se estaban a decantar por nós. A estas verbas fixo Beiras un chisco ó dicir no peche que estaba cos commpañeiros socialistas "pero non coas elites que non os deixan participar".
O peche de Beiras poderedes velo e xulgalo vós polo que prescindo de poñerlle voz e letra.
Ó final de todo a emoción desbordaba cando se cantou cos puños irtos, os ollos chorosos e os beizos erguidos o himno da terra pola que loitamos, e todo este clima derivou nos arredor de cincuenta segundos que as miñas tristes matemáticas puideron calcular durou un grito que se repitiu e ó que seguiron uns tres minutos de longos aplausos. O Pazo de Congresos retumbou cos berros de: "IN-DE-PEN-DEN-CIA!!!".
Con isto remato a crónica e agardo se mo permiten os medios de que dispoño poder completala en breve con fotografías e links relevantes para a mellor compresión do que foi a xornada de hoxe.
Unha vez máis reiterar a mágoa que sinto por non poder ofrecer todo o que me gustaría neste texto e polos múltiples erros que sen dúbida cometín á hora de redactar e tomar notas. Por isto pido desculpas, e para os que cheagastes a ler ata esta liña grazas polo tempo investido en facelo.
Un cordial saúdo
Bran Barral Buceta
No hay comentarios:
Publicar un comentario